Friday 17 de May de 2024

O Concello triplica o prazo para solicitar as bolsas de estudo


En cursos anteriores os proxenitores cambreses contaban cun prazo de dez días para formalizar esta solicitude e agora poderán demandala dende o 1 de setembro ata o próximo 30 de setembro

O Concello de Cambre triplicou o prazo para a solicitude das bolsas de estudo para o curso académico que comeza o próximo mes de setembro. En cursos anteriores os proxenitores cambreses contaban cun prazo de dez días para formalizar esta solicitude e agora poderán demandala dende o 1 de setembro ata o próximo 30 de setembro. Así mesmo, aumentouse o número de bolsas para educación infantil e Primaria e ampliouse o rango de perceptores destas axudas. O concelleiro de Educación, Jesús Bao, insiste en que se dará a maior difusión posible aos pais dos escolares para que coñezan a posibilidade de solicitar estas axudas complementarias ás autonómicas e estatais. De feito, recorda que o concello oferta axudas ao segundo ciclo de Educación Infantil e Educación Primaria, e ademais, aos alumnos de cursen Bacharelato, Formación Profesional e Ecuación Secundaria para Adultos. En concreto daranse 92 bolsas de 100 euros cada unha para os alumnos que cursen 2º Ciclo de Educ. Infantil e Educación Primaria, e 20 bolsas de 140 euros para os alumnos de Bacharelato, Formación Profesional ou Ensino Secundario para Adultos. As axudas están destinadas a sufragar gastos de material escolar, libros de texto , uniformes escolares ou vestiario destinado á escolarización. Bao insiste en que, dado que o presuposto co que se traballa nestes momentos é prorrogado o aumento da contía de ás bolsas e a mellora da accesibilidade a elas non era posible, pero que nos próximos presupostos, sobre os que se comezará a traballar en setembro xa se contemplarán estas melloras na concesión das bolsas de estudo.
“O próximo curso melloraremos a accesibilidade e a contía destas axudas dado que agora non foi posible polos presupostos prorrogados cos que traballamos”, apuntou o concelleiro. O edil socialista recorda a súa aposta decidida por fomentar a ecuación pública, algo que se pode observar nas bases destas axudas, xa que, ao contrario que en anos anteriores, só os alumnos que cursen os seus estudos no ensino público poderán ser beneficiarios delas.